Thursday 02 de May de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nunha xornada de “Iniciación ao mergullo”


O edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón, Amando Guerrero, e Óscar García, integrante do Club do Mar de Ferrol, presentaron esta mañá a segunda edición da xornada de Iniciación ao mergullo que se celebrará na piscina do complexo polideportivo municipal da Gándara. A convocatoria diríxese a persoas maiores de 12 anos, que deberán inscribirse previamente, e dará comezo ás 10:00 horas do día 21 deste mes.
O edil de Deportes indicou que “debido ao éxito da acollida da primeira edición, o pasado mes de febreiro, e a que quedou xente que non puido facela polo límite de prazas, organizamos novamente esta convocatoria dende o Concello, a Agrupación Deportiva Náutico de Narón e o Club do Mar”. Santalla avanzou que as persoas interesadas en realizalo se poden inscribir ata o día 18 deste mes nas oficinas do Padroado de Deportes, na Gándara, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:00 horas. O prezo da inscrición é de cinco euros por persoa e os participantes dividiranse en grupos reducidos, de seis persoas. Para participar, a maiores do bañador, gorro e chanclas, é preciso levar tamén unha toalla, tal e como indicaron dende a organización.
Inicialmente ofrécense unha serie de explicacións teóricas para a continuación meterse na piscina da Gándara durante uns 15 ou 20 minutos, e realizar largos mergullando.
Santalla, Guerrero e García animaron á cidadanía a participar nesta actividade, para perder o medo a mergullarse e coñecer as técnicas iniciais desta práctica deportiva.